Blog Tools
Edit your Blog
Build a Blog
RSS Feed
View Profile
« September 2009 »
S M T W T F S
1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30
You are not logged in. Log in
Entries by Topic
All topics  «
ANIMACION
COMIC
FILMES
OUTROS
SINESTESIA ELFICA
13/09/2009
THE KING OF THE JEWS IS COOL
Mood:  a-ok
Now Playing: None
Topic: FILMES

XESUCRISTO SUPERSTAR (JESUS CHRIST SUPERSTAR - 1973)

A Biblia, ese libro tocho venerado durante séculos, e revisado e modificado e ignorado ó longo destes dous últimos, contou ó longo da Historia con moitas adaptacións no cine: dende a primeira, muda e pioneira; pasando polas superproduccións dos 50, tan influídas polo peplum (Os dez Mandamentos, Ben Hur); ata as máis recentes, polémicas e de autor ( "A derradeira tentación de Cristo", "A Paixón de Cristo"). Incluso paródicas. Pero ningunha nun formato musical tan curioso: Afroamericanos en Xudea, reminiscencias antiguerra sesentaoitescas, bailes e psicodelia. ¿Por qué non?

É vibrante ver a uns bohemios rodeando a un Barbudo no interior dunha caverna, na que podemos contemplar unha luz cenital apuntándolles directamente, cantando: "What´s the fact? Tell me what is happening! What´s the fact? Tell me what is happening!" O fin e ó cabo a filosofía dos ácratas contestatarios a Vietnam e a das primeiras comunidades cristiáns era moi semellante. Xudas Iscariote, un malo non tan malo neste film, é un individuo práctico e dubidoso, a pesares de estar cos rebelados (ou revelados, depende como se miren) pregunta a Cristo a validez da suposta Sedición, se vale a pena confiar nunhas promesas sen garantías palpables (cecáis representa ás apáticas clases medias dende a óptica das xuventudes Woodstockianas). Hai partes no film nos que un non pode menos que darlle a razón ("Farán barbaridades no teu nome"). 

Os soldados románs (que na película se refiren a eles como Forzas de Ocupación) son actores mal vestidos, levan camisetas de tiras e tamén cascos antigos (a ambientación parece máis a dun happening ou dunha obra de arte na rúa). Os de a pé levan UCI´s (as armas da Mafia contemporánea), tamén hai algunha secuencia con tanques que facilitou o Exército de Israel, e cazas (o cal quedou que nin pintado, posto que era armamento case idéntico ós dos EEUU). No contexto se confunde o contemporáneo e o pasado, ata tal punto que a Relixión ou a Política trascenden. O medo a un conflicto bélico, os abusos ós pobos, os "falsos" salvadores, os cartos "aquí e agora" como forza destructora de ideoloxías... temas debatidos ata hoxe en día.

En xeral, tódolos protagonistas, incluíndo a Xesús e a María Magdalena, destacan por riba de todo pola súa calidade como melodistas, alcanzando o paroxismo con Cristo no Xuízo e o rito case tribal cando Xudas amosa as Tentacións. Cando cantan as Autoridades Xudeas (os Colaboracionistas), lembreime das grandes óperas clásicas. Fotografía axustada ó relato (paraxes naturais e unhas cantas columnas antigas), cun par de panorámicas resultonas, e cortes entre tomas un pouco abruptos. Nunha das esceas finais da película, trala morte de Xesucristo os Discípulos fan un número con baile e canto, algo tan trasnoitado, tan fóra do noso contexto que é imposible non renderse cun sorriso. A estética pseudoespacial dos traxes, a voz negra do Solista (tan arrancada, tan ó estilo James Brown), e sobor de todo, o contido das letras ("Non me malinterpretes, só quero saber, ¿estaba Buda ó teu carón? ¿Mahoma foi á montaña ou soamente foi un engano? Non me malinterpretes, só quero saber").

 O contraste queda patente, e aínda que visualmente desfasado, é interesante.

Como derradeiro colofón, os actores hippies se meten nunha caravana (agora xa sen a súa caracterización), excepto o que interpreta a Xesús (que non aparece, agora supostamente... morto (de novo a 4ª parede) mesturando realidade e ficción, amosando honestidade, deixando patente a falsedade da interpretación; avanzando a secuencia cun viaxe que comeza, enlazando co "On the Road" de Kerouac, a beat generation. Horterismo flower power, recreacións do Evanxeo sen lobbys presionando, e calidade vocal no reparto. É unha película con moitos significados cando se coñece o contexto. Para os que nos interesa esa época, interesante por orixinal (ou rarísima); e para os que formaron parte daqueles movementos sociais  (¿alguén lembra xa o Padre Llanos, as loitas en Vallecas?), nostalxia. Da boa.

Curiosidade: Un dos protagonistas de Xesucristo Superstar, probou sorte anos despois como actor porno (?).

Momento bestia: Cando Xesús visita a Herodes, o panzudo oligarca local, éste monta un número musical delirante, tan divertido como carente de sentido. Unha metáfora de hedonismo funky, no que comeza adorando a Cristo para logo burlarse del. Inclúe moza con gafas en forma de estrelas, a última moda.

Referencias: Detrás de todo esto está Norman Jewison, director de series de TV nos 50 que despois de este exitazo fixo unha metáfora futurista da violencia competitiva (tamén atrapada por unha subcultura dos 70, os patíns), Rollerball. En ámbolos dous filmes hai unha crítica feroz contra as sociedades de consumo máis avanzadas.

 


Comentado por [entebras] at 20:12 MEST
Post Comment | Permalink
31/08/2009
THE WORLD NEEDS A HERO
Mood:  a-ok
Now Playing: None
Topic: OUTROS

A EVOLUCIÓN DOS HEROES (1ª parte)

O concepto do Heroe no Arte (e presente dende os tempos máis remotos no subconsciente colectivo) como defensor dos valores maioritarios das sociedades organizadas evolucionou con ese valores en sí mesmos. Os Heroes máis "antigos" son líderes, señores da guerra e superiores físicamente. As herdanzas exipcia, romana, a cultura chinesa e as representacións tribais americanas e africanas dan boa mostra diso. Os temas épicos tan usados pola simboloxía relixiosa cristiá, e, en menor medida, a hebraica (debido ó seu concepto divino máis abstracto), tamén contribuíron a expandí-los desencontros polarizados entre o Ben e o Mal. Esta visión moral, ficticia ou non, arraigouse con profundidade a nivel occidental, no continente europeo, discurrindo parello ós fenómenos invasores dos antigos Imperios Feudais e os Coloniais posteriores.

Non así en Asia, onde a filosofía de corte dominante tenta explicá-lo Universo mediante a necesidade da complementariedade de dous extremos, incidindo no enraizamento do conflicto persoal interno. A isto tamén afecta a visión do individuo; onde en Oriente non é máis que unha prescindible peza. En xeral, o Heroe occidental clásico (anterior á época contemporánea) ten un deber e sacrifica a paz ou o sosego (mental ou social) en aras do fin desexado. A virtude dun idealismo puro e "redentor" (neste caso relacionado co Mesianismo presente na relixión. A partires do Romanticismo, isto se cuestiona incluso amosando o acto do suicidio por parte do protagonista (e resaltando, como consecuencia, as interaccións amorosas).

 Nas obras asiáticas (ata ben entrado o século XX, só que amosado con outros parámetros menos universalistas), a loita é máis de carácter mental, os bandos son sempre máis sutís (abondan os "malos bos") e as personaxes son, incluso, cambiantes. Teñen máis relación coas nosas fábulas que co poemario medieval bélico. Hai un ton de armonía, as desigualdades e inxustizas dominantes non son tan complexas, senón os conflictos en sí mesmos.

Coa aparición das Revolución Ilustradas e a implantación do Estados Liberais os Heroes adquiren un novo matiz: o social. No período comprendido entre o s.XIX e a 2ª Guerra Mundial (a derradeira gran confrontación de política idealista) a temática heroica toma un novo pulo xeracional, só derrubado posteriormente na década dos 60 e 70 do mésmo século.Os chamados "Heroes da Paz" apoian causas cheas de paixón doctrinal, como as Revolucións nacionalistas de Grecia, Irlanda, Italia. A posterior Revolución Sovietica imprime a vontade da existencia dunha nova utopía funcional, impulsado en parte polo propio réxime (a incentivación da arte ó servicio da Propaganda). Potencias económicas como Reino Unido, Franza e EE.UU. farían o mesmo co seu patriotismo "constitucional". En España, o cartelismo presente no conflicto fratricida, con tódalas súas implicacións contradictorias, revelaría os perfís heroicos do drama.

Mentres tanto, as potencias feixistas presentarán grandes estructuras arquitectónicas e no caso de Alemaña, homes que evocan a Titáns uniformizados e homoxéneos, se realzarán valores como a Forza, a Xuventude, as Élites. O réxime propulsado por Mussolini, á súa vez, viraría a mirada do país a tempos pasados, ós Centurións.En Asia, o Modernismo e a Rev. Industrial son puntos en común con Occidente (polo menos, na primeira potencia, Xapón). Nos tempos de corrupción pública xeneralizada e reforma das estructuras políticas, (no período Meiji, por exemplo) as novelas centran o protagonismo na figura dos Samurai, nobres deslocados e obrigados a deixar de exercé-la súa obriga mlitar baseada no Bushido ou código de honor. Este rol, a diferencia dos cabaleiros medievais europeos, se manterá aínda ata os nosos días; en grande parte debido a que o Samurai (case) nunca é un ser integrado nun exército, senón alguén solitario e que sacrificará a súa socialidade por valores universais.

Trala 2ª Guerra Mundial, tres son os camiños xeralistas na existencia dos Heroes a nivel artístico:

- Europa, trala devastación física e a lenta recuperación económica e ideolóxica, presenta o xurdimento das obras de corte tráxico/costumista. O neorrealismo da Europa Mediterránea, desmitificador e sempre dominado pola presencia da Miseria abranguendo tódolos estamentos e fronteiras, deixa pouco ou ningún espacio ó sentimento épico ou idealista. Estos factores serán observados polos creadores da posterior figura do Antiheroe, aínda non presente.

- EEUU, que tras sumerxí-lo mundo na maior crise planetaria da Historia, é a única potencia que sae victoriosa sen ningunha parte do seu territorio destruída, e coa boa marcha da súa economía, eríxese como "conductor do mundo" (xunto coa Unión Soviética). Ese optimismo total alimenta o concepto do Heroe cuase perfecto a nivel ideolóxico, aínda que con rasgos humáns. Impúlsanse os temas históricos no cine, nos cómics e nas novelas. A temática relixiosa, con postas en escea grandiosas e monumentais (metáforas humanistas); as películas bélicas, destinadas a ensalzá-los acontecementos recentes e da época (dada a continua tradición bélica, e polo momento, puramente propagandistas); e o Western, que explica a Historia do país dende unha perspectiva sesgada (case senmpre a loita dun ou duns poucos contra os salvaxes nativos). Neste derradeiro aspecto podemos resaltá-la cinematografía de John Ford, quen, a pesares de contribuír en gran parte á linguaxe do cinema, non dubidou en voltar outra vez á eterna dicotomía Ben/Mal, apelando a criterios étnicos ou culturais. Nos conservadores 50 e ata incluso ben entrados os 60, este derradeiro xénero, xunto co bélico, contaría con numerosas produccións de todo tipo, expandindo o mito do eterno Pathfinder (explorador), relacionado coa figura tamén saxona do colonizador británico. Tamén abondan as produccións baratas de ciencia-ficción e terror, amplamente controladas polo Goberno. Son as primeiras películas nas que as mulleres son coprotagonistas.

- Xapón, que trala humillación da destrucción do seu réxime feudal (coa terrible bomba atómica) recibe a reconstrucción "americana", depositando tódolos seus esforzos na tecnoloxía. Se fraguan aquí os novos clásicos da arte heroica xaponesa:

O cine, incidindo na temática do Samurai, persoalista e solitario (en moitas ocasións, historias intimistas coa utilización do tempo dunha maneira similar ós neorrealistas); os mangas, liderados case en solitario por Osamu Tezuka, poñendo as bases de eclosión mediático-artístico de producción nacional. As historias de mechas ("mechanoids") ou superrobots heroicos, nas que a tecnoloxía desmesurada é unha arma de dobre filo: garantía de progreso e avance (reflectido no milagre económico xaponés); e garantía á súa vez de destrucción en masa (Hiroshima e a Guerra Fría), tan presente na 2ª metade do século. Tamén hai historias de robots semihumáns, nas que a hibridez da súa natureza sempre os condea: a parte humana sempre de carácter negativo, fronte á súa metade cibernética (na época, "mecánica"), boa, pura e desexosa de inocencia. Obviando as partes máis imaxinativas, hai unha crítica antropolóxica nas mellores creacións de este tipo.

 Incluso as ideas que se esbozarían posteriormente nos activismos mundiais (convivencia coa Natureza, a necesidade dun rol feminino para a existencia do Heroe masculino, a derivación de réximes utópicos en autoritarios) xa se bosquexaban nesta época na ciencia ficción estadounidense e nas obras xaponesas.

Isto é todo de momento. Cando complete a 2ª parte, poñerei enseguida un link  


Comentado por [entebras] at 12:07 MEST
Updated: 31/08/2009 12:16 MEST
Post Comment | Permalink
13/07/2009
UN PETER PAN ROTO
Mood:  a-ok
Topic: OUTROS

BOA SORTE JACKO

Foi máis ou menos fai dúas semanas. ¿Cómo? ¿Qué está morto? ¿Sí? Non me estraña, tal como lle ía dende fai anos...Sí, xa escoitarei algo seu como homenaxe, fai un montón de anos. Así me enterei eu da morte deste cantante e bailarín.

Foi bastante camaleónico nas súas estéticas e nos videoclips: no principio tan "afro" (cos Jackson Five), cos súas roupas e bailes coloristas (necesarios nunha época de crise económica e ideolóxica coma os 70), introducindo elementos máis glamourosos e próximos á música disco e ó R&B (Don´t Stop ´Til Get Enough, en Off the Wall). Billie Jean resulta tan novedoso como perdurable no tempo.

Cos anos 80 e o ascenso do rock (heavy metal, rockabilly), MJ grava o que se considera o "precursor" da estética MTV, o primeiro clip protagonizado por un afroamericano na historia de EEUU. O single máis vendido na historia da música mundial: Thriller (seguido de lonxe por Back in Black, de AC/DC).

O clip en cuestión é en realidade unha curta que mestura zombies, lobishomes, estética urbá e coreografías musicais ó estilo de Hollywood. Algo que soamente podía dirixir unha mente tan orixinal no seu momento como John Landis (Un Lobishome Americano en Londres, Superdetective en Hollywood III). A súa cazadora vermella de coiro, tan influída pola serie "V", vendeuse entre os adolescentes de maneira masiva. Un presuposto excesivo que encumiou ó mito. Jacko tocara teito.

Pero non quedou ahí. Nin moito menos.

 

Seguiuno Bad outro superventas baseado nas pandillas urbás (que por aquel entón eran a quintaesencia do éxito dos Conservadores no seu país). A súas roupas escuras, con hebillas e cintos, cun toque andróxino impuxeron unha moda. E logo: un graffiti en vermello, simple e directo.

Dangerous foi o primeiro disco do que tiven constancia como neno. Paralelo a un tour mundial (na liña dos seus anteriores álbumes), MJ grava antes da década dos 90 un filme (como Elvis no seu momento), Moonwalker. O título desta peli fai referencia ó seu famoso paso, creado por un famoso paiaso para el, e inspirado en varios pasos extraídos de imaxes de arquivo da música negra estadounidense. 

O famoso single "Smooth Criminal" (Annie are you OK?, Annie are you OK?, Are you OK Annie?) que tanto me marcou, recrea unha pelexa de gángsters dos anos 50, con unhas coreografías nas que se come a pantalla, e igual se complementa co seu grupo de baile como lles fai sombra. A partires daquí o seu sombreiro convertiráse en outro dos seus emblemas visuais. Ademáis disto a película non é máis que un Blockbuster para nenos, con moitos medios, eso sí. Ah, e o prota se transforma nunha nave espacial (?).

Paralelo a este film tamén se fixo unha recreativa. Lembro que cando queriamos xogar non podiamos. As animacións e a música nos deixaban bobos.Black or White é o seguinte videoclip que vin. Eran os 90, e a idea presente (nas sociedades occidentais) da mestizaxe étnica e cultural era un selo de autenticidade (MTV e Benetton o explotaban ó máximo, a reflexo da sociedade da derradeira etapa de Bush pai). Este clip amosa ó final a primeira secuencia de morphing da Historia nun videoclip musical (feito por Pacific Data Images), amosando varias caras de diferentes culturas fusionándose, con transicións entre elas. MJ baila na antorcha da Estatua da Liberdade. E nativos norteamericanos bailan con él. Parecía un anuncio da Coca Cola, o soño americano actualizado.

Posteriormente, sae á venta HIStory. Entre elas, Scream, o videoclip máis caro da Historia, facendo un dueto coa súa irmá Janet. Situado nun entorno futurista, a sobriedade e as formas curvas do interior dunha nave, ademáis dos traxes metálicos dos cantantes, evocan a Kubrick. O director detrás disto é Mark Romanek, que xa fixera antes algo para Nine Inch Nails e Fionna Apple. E tamén é moi importante a reducción cromática da imaxe (algo que tamén fixo en "If you can´t say no", de Lenny Kravitz). Tamén aparece algunha imaxe de animes da época.

A partires de aquí, o seu derradeiro disco, Invincible (2001); no que implica o seu estado anímico dunha maneira persoal, con vídeos nos que non baila (!), dando paso á balada melancólica, algunhas cun fío de voz.Entre estes dous lanzouse ó mercado un disco de remezclas Blood on the Dance Floor, no que o single Ghost contaba con un videoclip dun esqueleto bailando (é unha curta de 40 min), gañador dun premio no Festival de Cannes.

¿Qué vemos en Jacko? Vemos a Aretha Franklin, Boney M, incluso a Fred Astaire; pero tamén o imaxinario de Spielberg e Disney, e a burbulla que supón a espectacularidade inmediata para unha soa persoa. Xa no 1997 ninguén pensaba que se mantería moito máis.

O artista que sobreviviu á súa infancia (os nenos "prodixio" case nunca triunfan ó mudá-la súa voz), ó funky nos 70, ó breakdance e ó tontipop dos 80, e por último ó ascenso da música electrónica nos 90, sen por iso renunciar parcialmente a esas influencias. Vamos, que para ser tan comercial soubo reinventarse ó longo da súa carreira sen perder homoxeneidade estética (non como Madonna ou Korn, por exemplo).

Cecáis MJ quería plasmar en "Man in the Mirror" a dor persoal que sentía, a dualidade que ás veces mata ó que se expresa en termos de orixinalidade. Seguro que os seus dramas persoais remataron por comerse ó artista, acusacións de pederastia incluídas.

  


Comentado por [entebras] at 18:06 MEST
Updated: 13/07/2009 18:15 MEST
Post Comment | Permalink
23/06/2009
I HAVE A MESSAGE FROM ANOTHER TIME
Mood:  a-ok
Now Playing: Reza (Sepultura)
Topic: ANIMACION

DAICON III E IV: AS ORIXES DE GAINAX

Hoxe preséntovos un par de animacións feitas no Xapón de fai máis de 20 anos.

Ambas serviron de cabeceira á Nihon SF Taikai (unha convención anual de Ciencia Ficción moi popular no Xapón); Daicon III e IV foron as edicións de 1981 e 1983, respectivamente. Ámbalas dúas se celebraron en Osaka.

Daicon III: Esta animación mellora a medida que avanza. Nótase unha boa planificación nos puntos de vista e nas perspectivas, con personaxes diferenciados nos seus xestos (con personalidade, como o dinosauro con gafas de sol), utilizando case sempre a animación como linguaxe para contar unha historia e entreteter (aportando un puntiño nonsense que dende Alicia no País das Marabillas parece que domina a Arte contemporánea). Fondos impecables, efectos de fume, ingravidez, lume, explosións. Aínda que hoxe en día aporta pouco, a utilización do "timing" é impresionante (xa me gustaría ver así ós afeccionados ó Flash a día de hoxe). Un lema: fronte a monstros e robots...unha flor.

Link para vé-lo en Youtube: Aquí

Daicon IV: aquí a factura artesanal da paso a un traballo moito máis elaborado (figuras máis estilizadas). A cor é digna dunha auténtica superproducción (a min lémbrame ós debuxos xaponeses dos Transformers), ata facer divertido que unha moza con tacóns voe enriba dunha espada xigante. Os vos de cámara que o anime repetirá ata a saciedade nos seguintes anos atopan aquí un terreo onde campar ás súas anchas (lembremos que aquí nada era 3D, e todo había que recrealo con lentitude e dificultade). A metraxe é máis curta que a primeira e está fortemente influenciada pola estética videoclipeira (a MTV fundárase en 1981). As esceas das explosións de edificios probablemente sexan rotocospias sobor imaxes de arquivo de probas nucleares (algunhas que usou James Cameron en Terminator 2 son similares).

Link para vé-lo en Youtube: Aquí 

Os autores foron uns estudantes da Universidade de Arte de Osaka (que por aquel entón non dispoñían máis que dun garaxe e a creatividade da primeira xeración de freaks xaponeses), facendo a primeira animación debuxada "frame a frame", entre os tres. Para a segunda, e a pesares de ser oficialmente amateurs, contrataron a máis xente (a calidade é moi superior a algunhas profesionais da época). Yoshiyuki SadamotoHideaki Anno, Takami Akai; eles foron o xerme da compañía de animación Gainax.

A súa relación cos ordenadores MSX fructificou nalgúns xogos:

- A triloxía de Cybernetic High School (1990). Aventuras conversacionais con menús e preguntas.

- Beautiful Gainax (Girl´s Control). Xogo de naves (Aínda que oficialmente os autores foron Hard Software). Intro con gráficos escaneados.

- Mighty Battle Skin Panic (1993). Loita con cartas. Este xogo se fixo cando a norma MSX pechaba.

Xogos todos con un certo compoñente erótico e estética manga (con ilustracións en plan Hentai a medida que avanzamos no xogo).

 

Curiosidades:

- Cando na animación de Daicon IIII, a protagonista loita contra o Mech verde, nos fondos hai rótulos que nos avisan que estamos na convención.

- A música de fondo de Daicon IV ("Twilight", do disco Time da Electric Light Orchestra) e o deseño das "coelliñas" de Playboy imposibilitaron a venda oficial das animacións nos EEUU.

- Na serie de TV (con personaxes reais, non debuxados) Densha Otoko (Fuji, 2005), os créditos se abren con unha animación que rende tributo á de Daicon IV. Unha bunny girl en toda regra, saltando e lanzando cenorias por todo o planeta. Incluso a canción é a mesma.

Momento bestia: En Daicon III a prota se enfronta á mitoloxía do Universo da Toho (Godzilla, King Ghidorah, Gamera), á Flota Imperial de Star Wars, ás naves de A Guerra dos Mundos de H.G. Wells, ó Universo Gundam, á nave espacial Yamato (dun anime dos 70, os mozos de Metal Slug  tamén se enfrontaron a ela), á USS Enterprise e a algunha nave máis de ficción.

En Daicon IV o número de inimigos se multiplica ata enché-la pantalla en cuestión de segundos e non poder enumerálos con claridade: MS Gundam, Yamato, Darth Vader e a Estrela da Morte, C3PO, Yoda e Chewbacca; Alien, Transformers, parte do Universo DC (Starro o Conquistador, Batman e Robin, Superman, Wonder Woman) e Marvel (Capitán América, Spiderman), Robby de O Planeta Prohibido, Denjiman (ou calqueira do estilo de Bioman, debuxados en plan Yon Koma), Doraemon, o robot de Metrópolis, Flash Gordon, Klaatu de Ultimátum á Terra (The Day the Earth Stood Still), o Home de Estaño de O Mago de Oz; e moitos outros que como neno dos 80 non alcanzo a recoñecer.

Referencias: Esta foi a traxectoria dos seus creadores:

Yoshiyuki Sadamoto, posterior creador do manga de Evangelion, tamén publicou Der Mond (A Lúa, un artbook oficial da serie). Participou activamente no deseño de personaxes dos animes.

Hideaki Anno, aparte de dirixir algunha cousa fóra do mundo da animación (A vinganza de Yamata Orochi, a Serpe de oito cabezas, 1985, unha live action movie con deseños en miniatura), seguiu a cargo de cargo de Gainax e considérase o "pai" da obra mestra da compañía, Evangelion (a pesares de que foi Sadamoto o artista orixinal). Antes de facé-las obras de Daicon, traballou como animador en Superspace Fortress Macross (o Battletech asiático, da Toei). Tamén en Nausicaa Valley of the Mind (1984, Ghibli). Dise que a profundidade reflexiva do protagonista de Evangelion ten algo de autobiográfico nos primeiros anos de Anno, cando sufriu unha profunda depresión durante catro anos. Aquí maldeciu para sempre os clichés dos otakus, pola súa dificultade de socializarse. Tamén dirixiu en 1998 á adaptación do anime Cutie Honey (que traducido é algo así como "Monada cariñosa") á imaxe real, con actores de carne e óso.

Takami Akai abandonou Gainax a principios dos 90 para seguir facendo Princess Maker pola súa conta (a terceira parte e posteriores). É un simulador social feminino, publicada a primeira entrega en 1992 (en MSX fíxoo Micro Cabin). As seguintes tamén saíron para PC e en consolas de 16 e 32 bits. Recentemente Akai tamén realizou algunha exposición de fotografía.

 


Comentado por [entebras] at 19:54 MEST
Updated: 23/06/2009 20:18 MEST
Post Comment | Permalink
31/05/2009
'LIFE ON MARS' NA REALIDADE
Topic: OUTROS

¿ESTAMOS NOS 70?

Encántanme a década dos 70 do século pasado. Vale que foron 10 anos ben fodidos nalgunhas cousas, pero no Arte e nun par de cousas máis me parece un dos períodos máis interesantes da Historia contemporánea (polo menos en Occidente). E vós pensaredes, ¿qué terá que ver con nós un tempo sen ordenadores, sen móbiles, sen prensa do cotilleo, sen cine Dogma, sen Ipods?  Cecáis en España este argumento non vale tanto (porque eramos o cu de Europa xunto coa ex Alemaña Democrática, e agora non tanto), pero bueno.

Diréivolo agora:

- Vivimos tempos de medo global, con moitos conflictos localizados en torno a unha guerra xeoestratéxica mundial (EEUU vs. Al Qaeda/EEUU vs. URSS).

- Estados poderosos facendo probas nucleares (Os Exocet dos USA vs. a URSS cos ICBM/Irán, Corea do Norte).

- Os Estados Unidos teñen agora mesmo o que posiblemente é o presidente máis humanitario da súa historia, Barack Hussein Obama (e nos 70, con Jimmy Carter).

- Plantéxase a reducción da pena de morte nos Estados Unidos (Carter tentouna abolir e Obama a menor nivel).

- O activismo contestatario recobrou maior forza, nunca dende a Guerra do Vietnam houbo tantos "manifestantes" unidos por unha causa. Isto resulta nun auxe dos documentais nos cines (a contextualización como forma de Arte).

- A crise económica mundial fai imperante a búsqueda de novas formas de enerxía. Conflictos por petróleo, superpotencias militares acosando lugares con recursos (EEUU con Irak, Rusia con Ucraína e Chechenia).

- Auxe dos grupos neoultras e xenófobos en Alemaña e Franza (isto, máis a comezo do 2000 que agora).

- As formas pop dominantes na moda son coloridas e se volta ás formas xeométricas (agora probablemente polo auxe dos gráficos vectoriais, e entón pola explosión do Pop contemporáneo ós Hippies).

- Castro segue no poder, bombas e máis bombas no Oriente Medio. Bombas tamén en Londres e Madrid (IRA e ETA, Al Qaeda).

- Películas distópicas, prediccións fatalistas que anuncian a Fin do Mundo ou recrean metáforas dos novos perigos (A Fuga de Logan, The Omega Man, O planeta dos Simios/Equilibrium, A Illa, Ultimátum á Terra).

- Cine de Catástrofes (O Coloso en Chamas, O Poseidón, a saga Aeroporto/O día de mañá, Deep Impact, Independence Day, Volcano).

- Nos 70 nace o termo "freak" na subcultura dos USA. Hoxe en día o termo "friki" se aplica case a todo tipo de cultura.

- Auxe do cine Oriental (samurais, artes marciais, costumista/artes marciais, costumista, terror)

- Apertura de China a Occidente (conversas con Nixon, xogos Olímpicos e mercado libre, senón que llo digan a Inditex).

- Novas formas de espiritualidade, relixións e sectas diferenciadas dos cultos tradicionais de masas (satanismo, cultos minoritarios cristiáns/filosofía zen).

- Vascos e cataláns reclaman un novo Estatuto. Os cataláns son os primeiros en acadalo. En Galicia, a velas vir (custou e custa acadá-lo consenso).

- Implántase un novo sistema de TV (Cor, TDT).

- Avances na enxeñería xenética con seres vivos (bebés probetas/investigación con células nai).

- Incorporación das mulleres ó mercado laboral en España (nos 70 as pioneiras, e agora, de forma masiva nos altos cargos).

- Triloxía Star Wars, vapuleada pola crítica e amada polos adolescentes e "chavalitos" (nos 70 e agora).

- Spielberg adapta unha novela ó cine (Tiburón, que non "quenlla"/Munich, A Guerra dos Mundos).

- O xénero zombie ocupa as grandes pantallas, estréase "Dawn of the Dead" (1978/2004) e un montón de subproductos despois.

- Adáptase "O señor dos Aneis" no cine (Ralph Bakshi, Peter Jackson).

¿Qué vos pareceu? Hai unhas cantas coincidencias, ¿non?


Comentado por [entebras] at 19:28 MEST
Updated: 23/06/2009 20:19 MEST
Post Comment | Permalink

Newer | Latest | Older