Blog Tools
Edit your Blog
Build a Blog
RSS Feed
View Profile
« April 2009 »
S M T W T F S
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30
You are not logged in. Log in
Entries by Topic
All topics  «
ANIMACION
COMIC
FILMES
OUTROS
SINESTESIA ELFICA
09/04/2009
AMOR E DINHEIRO! AMOR E DINHEIRO!
Topic: COMIC

AS AVENTURAS URBANAS DE GIUSEPPE BERGMAN (LE AVVENTURE METROPOLITANE DE GIUSEPPE BERGMAN (19??)

O cómic adulto europeo, a diferenza do estadounidense (onde xa fai tempo que o mainstream sucumbiu ó rato dixital e á pantalla), tenta manté-la sobriedade no estilo a pesares das modas. Dende Hergé a Moebius, a importancia da obra personalista é vital para comprendé-la súa evolución (en factores coma, por exemplo, sé-los inventores da chamada "novela gráfica"). Frank Miller e Richard Corben aparte.

Un dos mestres do tebeo erótico (porque o porno xa o domiñan en Xapón) dende fai décadas é o italiano Milo Manara. Normalmente as súas obras son impecables a nivel visual aínda que un pouco frouxas no guión; cando non tira de hemeroteca e recrea contos clásicos ("Le voyage de Gulliveriana" ou de temática histórica ("O gaucho").

Este cómic non é un dos típicos de Manara. Explicarei por qué.

O relato conta como o protagonista, G. Bergman (que dá nome ó título) atopa unha rapaza (en todo o cómic non din o seu nome) que se pasea co seu Libro de Arte, abríndoo a antoxo, para recreá-la lámina artística que contempla nese momento. E así el actúa de protector da súa loucura, de "Gatekeeper", realizando xuntos unha viaxe con máis fantasía que realidade (aínda que sempre se reflexiona sobor o inmediato).

O autor amosa así, a través de pinturas e grabados, unha serie de equivalencias exquisitas (ás veces, Arte e realidade mestúranse na mesma viñeta). A secuencia do mítín político e os moteiros non ten desperdicio, encaixa o mundo do Renacemento e a Sociedade Industrial.

Non hai sexo explícito de ningún tipo (debe sé-lo único tebeo de Manara), apenas unha "ensoñación" pseudo zoofílica.

Iso e, por suposto, imaxes de gran beleza plástica. A anatomía feminina como algo redentor e poético. Típico en Manara tamén son as mozas de beizos grosos e desinhibidas respecto ó seu corpo (e moi, moi estilizadas). Góstame como Manara reforza o perfil cun par de pinceladas interiores no que debuxa, é capaz de cargarse conceptualmente a estética "plana" dos xaponeses e as tops neumáticas do cómic USA.

Iso sen esquecé-la viaxe á Illa dos Mortos (un cadro ben curioso de Arnold Boëcklin do que, por certo só hai tres versións no planeta; Hitler tivo unha delas no seu momento, e H.R. Giger, o deseñador de Alien, tamén deu unha visión súa do mesmo). Alí a prota fala con varios persoeiros mortos da Historia, dende Picasso a Groucho Marx (supoño que isto era o máis parecido ó simulador de Matrix na época).

Un bo cómic que presenta unha pequena sorpresa ó final (a algúns lles fará sorrir, outros pensarán que se lle agotaban ás ideas ó debuxante), non penso desvelar nada máis.

E o ambiente desta fumetti erótica, en dúas palabras: urbana e escura. Concilia pasado e presente, nunha moralexa atemporal.

Curiosidade: Manara chega a recrear unha lámina representada por 4 artistas diferentes (Suzanne e os homes vellos).

Momento bestia: Detalle da "extra" nun filme, que lle amosa á rapaza que o Inferno real non está na mente de Dante, senón na violencia de tódolos países do mundo. A moza está caracterizada como unha pícara pinup gótica (con toques femdom). Iso, e o "affaire" mental de Pasiphae e O Touro Branco.

Referencias: Manara é un dos monstros que sobreviven ós tempos gloriosos do cómic pintado a man (os 70 e 80). Supón un referente máis alá da súa temática, é respetadísimo e as súas mozas non semellan estar calcadas dunha foto (outros similares da súa quinta, como Liberatore, foron quedando nun recinto máis nostálxico). 


Comentado por [entebras] at 00:01 MEST
Updated: 23/06/2009 20:19 MEST
Post Comment | Permalink
22/03/2009
YOU ARE AN IDEALIST, MR WOLF
Topic: ANIMACION

MR. WOLF (1949)

Rebuscando na Rede atopei por casualidade esta xoia da animación.

Trátase dunha película rusa de 10 minutos feita en pleno Stalinismo, de sátira política (o Estado Soviético orientaba toda a Arte cara á Propaganda). Ata ahí todo normal, teño visto animacións feitas na URSS e ata os 60 a maioría eran tremendamente aburridas e doctrinarias (polo menos, as adultas). Entón, ¿que é o que fai a "Mr. Wolf" tan diferente?

1) En primeiro lugar, o filme é a toda cor. Isto non adoitaba ser común na Unión Soviética, non como en EEUU, alí había outro tipo de industria (lembremos que a Disney, ó ano seguinte, inundaría os cines de medio mundo coa multioscarizada "A Cincenta"). Con todo, a animación non está na vangarda daquela época, as animacións de Superman de Max Fleischer, por exemplo, son anteriores e moi superiores a esta.

2) A maneira de tratá-los temas; a historia, hábilmente amosada, trascende o tema inicial actuando a modo de fábula, alertándonos da fraxilidade á que todos esta(ba)mos suxeitos por factores relacionados coa enerxía e as carreiras estratéxicas.

3) O argumento; a verdade é que este film (ou curta, como lle chamarían agora) non debería sorprender a un simple occidental do século XXI; ou iso pensei eu.

Os protagonistas son estereotipos membros do Heartland, pertencentes á clase puxante norteamericana; o Sr. Wolf, un acaudalado benefactor farto da sociedade desenfrenada do consumo e a guerra, que decide embarcar xunto coa súa familia cara a unha isla e alí comezar unha vida en paz e fraternal descanso (a súa cobizosa esposa; o avó, un vello capitalista á antiga usanza; e os seus fillos, un mozo e unha moza).

Por certo, esta última ten un aire a Olivia (a parella de Popeye) vestida como unha pinup da época. (Mirádea cando corre).

 

 

 

 

Tamén levan un loro que, aínda que non di nada, aporta o elemento máis humorístico á obra, pola súa sorna ó repetí-las frases do protagonista nos momentos máis inoportunos.

 

 

 

 

E asentados na súa nova illa, abúrrense, ata que unha aparición o complica todo ...

Este filme chama a atención. Algo simplificado, inicialmente confeccionado por un contexto tan forzado, advirte no seu momento ós líderes mundiais. Tamén presenta ó incidente coa Árbore da Paz, unha metáfora xenial, e hai detalles, como ó respeto á cita Bíblica do pacifismo (algo impensable para algúns nunha "dictadura do proletariado" como a de Stalin), nas que semella unha creación non suxeita á censura (ten unha mensaxe máis propia dunha mente liberal). De feito, os bosquexos nos que basearon o filme son de Boris Efimov, un artista xudeu antifascista que criticou a Trotski (amigo seu) nos anos máis duros do Estalinismo para que non o purgasen (ó seu irmán xornalista asasinárono axentes do Goberno). Os seus responsables tiveron unha lucidez incrible, a mensaxe podería aplicarse hoxe á derradeira Administración Neocon en Irak, ou ó acoso do Goberno ruso a Ucraína. E con respecto a Hollywood, faría sonroxarse ó bo de Arnie.

Curiosidade: Da mesma autoría que Mr Wolf son Nu, Pogodi! (Alto ahí), que entre 1969 e 2006 narraban as eternas persecucións entre un raposo e un coello.

Momento bestia: Cando a familia Wolf está na illa, e a muller añora "as carreiras de cabalos, os debates parlamentarios, e os accidentes de tren" (?).

Referencias: Detrás de todo isto está a Soyuzmultfilm (Unión Animación), unha compañía de animación famosísima ó outro lado do Telón de Aceiro (polo menos naqueles tempos, e aínda dura ata os nosos días; pasou por mil e un líos xudiciais, ata dividirse en dúas). Hoxe en día esta animación se comercializa no DVD recopilatorio "Animated Soviet Propaganda: From the October Revolution to Perestroika (1924-1984)" (polo menos para os que falan na lingua de Shakespeare).

Link para vé-lo en Youtube: Aquí

Versión orixinal rusa con subtítulos en inglés


Comentado por [entebras] at 21:32 MEST
Updated: 23/06/2009 20:20 MEST
Post Comment | Permalink
14/03/2009
DE PESADELOS E TRINCHEIRAS
Now Playing: Lord of Light (Iron maiden)
Topic: FILMES

CORAZÓNS DE FERRO (CASUALTIES OF WAR - 1989)

O outro día vin un film de xa fai uns anos. É un filme sobor o conflicto do Vietnam, tremendamente realista (de feito recrea acontecementos documentados nos artículos de Daniel Lang, publicados no New Yorker na década dos 60).

Tendo en conta que o cumio de películas de Hollywood sobor a guerra na península de Indochina xa estaba cuberto por esa época (Apocalypse Now, Platoon, A Chaqueta Metálica, Depredador case) ninguén esperaría moito de Brian de Palma (de resaca tras Os Intocables e a punto de cagala con A Fogueira das Vanidades). É máis cando a chamada "esquerda" estadounidense xa estaba desmontada e o partido demócrata volvía a ser partidario, entre outras cousas, da pena de morte (cando Ronald Reagan e Bush "pai" facían dos obreiros brancos e ós antiimpostos os seus votantes favoritos, falando da delincuencia como ameaza primordial, etc., etc). En fin vamos ó choio.

Serei claro: a película é explícita, o tema exposto fala dunha violación por parte duns soldados a unha civil nativa (unha campesiña). A secuencia inicial nos presenta a un Michael "McFly" J. Fox xa en tempos de paz, visionando un Flashback ó contemplar unha moza asiática no bus que lle lembra a dita campesiña, de nome Thi Oanh Than. No resto da película observamos á persoaxe de Fox (Max Eriksson) como o novato dun escuadrón, salvado case ó principio polo seu sarxento Tony Meserve (soberbia actuación de Sean Penn, pena que algúns só o coñezan por Mystic River). Conforme avanzan pola xungla, veránse diferentes secuencias de combate, non moitas, pero sí moi ben resoltas, polo menos en canto á fotografía se refire. Ademáis hai que ter en conta que tódolos helicópteros e material militar non os sufragou ningún corpo militar, dado a imaxe negativa que deran no filme.

As esceas dos abusos non son maníqueas (polo menos non en plan "artificio político" como algunhas veces demostra Oliver Stone). Con todo, baixa un pouco o nivel de credibilidade no tiroteo á moza trala paliza (coa música de Enio Morricone de fondo, épica pura).

Max Eriksson encarna os valores da ética (non é excesivamente un patriota "americano", e sí pai de familia e oposto ós desmanes cara ós supostos cómplices co outro bando (o chamado 3º bando por algúns historiadores). Sean Penn é o malo malísimo que abusa do seu rango, non ten remorsos da violencia cara a persoaxe interpretada por Thuy Thu Le en ningún momento. Os demáis soldados son secundarios e máis ben predecibles, exceptuando algunha interacción co outro novato do grupo, Antonio Díaz (que interpreta John Leguizamo, e que eu sempre o lembrarei como Luigi). 

 

É curioso como o sufrimento padecido é canalizado de maneiras antagónicas:

-Polos superiores (polo lado salvaxe da guerra).

-Polos superiores na retagarda (ignorando os abusos nas zonas de combate), apelando sempre a un obxectivo maior.

- Por M. Eriksson, que lembra máis ós soldados dos filmes da 2ª Guerra Mundial (con máis sentidiño, pero visceral).

O espírito do filme resúmese nunha frase dita por Eriksson cara ó final do filme (a pesares dos "Muthafucka"), apelando á irmandade colectiva, algo esbozado nos movementos hippie-universitarios da época. Tanto é así que os Guns & Roses incluíron unha frase del no seu derradeiro álbume, Chinese Democracy (2008).

Curiosidade: A actriz que interpreta a campesiña e a moza do bus (Thuy Thu Le) é unha exiliada de Saigón, e licenciada na Universidade de Berkeley. E nunca máis voltou a actuar nun filme a pesares das boas críticas recibidas.

Momento bestia: Cando as forzas aéreas bombardean un asentamento de milicianos do Vietcong e esfarelan unha patrulleira "amiga".

Referencias: Brian de Palma, director irregular onde os haxa, repetiu este mesmo tema (pero noutro conflicto, a 2ª Guerra de Irak) nunha película posterior e totalmente autofinanciada, Redacted (2007).

Primeiro póster promocional da peli (na esquerda) e na dereita, o de Demolition Man, realizado catro anos máis tarde. ¿Casualidade ou plaxio?


Comentado por [entebras] at 03:09 MEST
Updated: 23/06/2009 20:21 MEST
Post Comment | Permalink
08/03/2009
PRIMEIROS PASOS
Mood:  energetic
Now Playing: Megadeth, sempre Megadeth
Topic: OUTROS

 

Bueno, esta é a miña estrea do blog.

A verdade é que é unha idea que levo "mascando" dende fai tempo  (as estadísticas din que a vida media dun blog non chega a tres meses, así que agardo que dure algo máis).

 


Comentado por [entebras] at 20:57 MEST
Updated: 23/06/2009 20:21 MEST
Post Comment | Permalink

Newer | Latest | Older