THE WORLD NEEDS A HERO
Mood:
a-ok
Now Playing: None
Topic: OUTROS
A EVOLUCIÓN DOS HEROES (1ª parte)
O concepto do Heroe no Arte (e presente dende os tempos máis remotos no subconsciente colectivo) como defensor dos valores maioritarios das sociedades organizadas evolucionou con ese valores en sí mesmos. Os Heroes máis "antigos" son líderes, señores da guerra e superiores físicamente. As herdanzas exipcia, romana, a cultura chinesa e as representacións tribais americanas e africanas dan boa mostra diso. Os temas épicos tan usados pola simboloxía relixiosa cristiá, e, en menor medida, a hebraica (debido ó seu concepto divino máis abstracto), tamén contribuíron a expandí-los desencontros polarizados entre o Ben e o Mal. Esta visión moral, ficticia ou non, arraigouse con profundidade a nivel occidental, no continente europeo, discurrindo parello ós fenómenos invasores dos antigos Imperios Feudais e os Coloniais posteriores.
Non así en Asia, onde a filosofía de corte dominante tenta explicá-lo Universo mediante a necesidade da complementariedade de dous extremos, incidindo no enraizamento do conflicto persoal interno. A isto tamén afecta a visión do individuo; onde en Oriente non é máis que unha prescindible peza. En xeral, o Heroe occidental clásico (anterior á época contemporánea) ten un deber e sacrifica a paz ou o sosego (mental ou social) en aras do fin desexado. A virtude dun idealismo puro e "redentor" (neste caso relacionado co Mesianismo presente na relixión. A partires do Romanticismo, isto se cuestiona incluso amosando o acto do suicidio por parte do protagonista (e resaltando, como consecuencia, as interaccións amorosas).
Nas obras asiáticas (ata ben entrado o século XX, só que amosado con outros parámetros menos universalistas), a loita é máis de carácter mental, os bandos son sempre máis sutís (abondan os "malos bos") e as personaxes son, incluso, cambiantes. Teñen máis relación coas nosas fábulas que co poemario medieval bélico. Hai un ton de armonía, as desigualdades e inxustizas dominantes non son tan complexas, senón os conflictos en sí mesmos.
Coa aparición das Revolución Ilustradas e a implantación do Estados Liberais os Heroes adquiren un novo matiz: o social. No período comprendido entre o s.XIX e a 2ª Guerra Mundial (a derradeira gran confrontación de política idealista) a temática heroica toma un novo pulo xeracional, só derrubado posteriormente na década dos 60 e 70 do mésmo século.Os chamados "Heroes da Paz" apoian causas cheas de paixón doctrinal, como as Revolucións nacionalistas de Grecia, Irlanda, Italia. A posterior Revolución Sovietica imprime a vontade da existencia dunha nova utopía funcional, impulsado en parte polo propio réxime (a incentivación da arte ó servicio da Propaganda). Potencias económicas como Reino Unido, Franza e EE.UU. farían o mesmo co seu patriotismo "constitucional". En España, o cartelismo presente no conflicto fratricida, con tódalas súas implicacións contradictorias, revelaría os perfís heroicos do drama. Mentres tanto, as potencias feixistas presentarán grandes estructuras arquitectónicas e no caso de Alemaña, homes que evocan a Titáns uniformizados e homoxéneos, se realzarán valores como a Forza, a Xuventude, as Élites. O réxime propulsado por Mussolini, á súa vez, viraría a mirada do país a tempos pasados, ós Centurións.En Asia, o Modernismo e a Rev. Industrial son puntos en común con Occidente (polo menos, na primeira potencia, Xapón). Nos tempos de corrupción pública xeneralizada e reforma das estructuras políticas, (no período Meiji, por exemplo) as novelas centran o protagonismo na figura dos Samurai, nobres deslocados e obrigados a deixar de exercé-la súa obriga mlitar baseada no Bushido ou código de honor. Este rol, a diferencia dos cabaleiros medievais europeos, se manterá aínda ata os nosos días; en grande parte debido a que o Samurai (case) nunca é un ser integrado nun exército, senón alguén solitario e que sacrificará a súa socialidade por valores universais.
Trala 2ª Guerra Mundial, tres son os camiños xeralistas na existencia dos Heroes a nivel artístico:
- Europa, trala devastación física e a lenta recuperación económica e ideolóxica, presenta o xurdimento das obras de corte tráxico/costumista. O neorrealismo da Europa Mediterránea, desmitificador e sempre dominado pola presencia da Miseria abranguendo tódolos estamentos e fronteiras, deixa pouco ou ningún espacio ó sentimento épico ou idealista. Estos factores serán observados polos creadores da posterior figura do Antiheroe, aínda non presente.
- EEUU, que tras sumerxí-lo mundo na maior crise planetaria da Historia, é a única potencia que sae victoriosa sen ningunha parte do seu territorio destruída, e coa boa marcha da súa economía, eríxese como "conductor do mundo" (xunto coa Unión Soviética). Ese optimismo total alimenta o concepto do Heroe cuase perfecto a nivel ideolóxico, aínda que con rasgos humáns. Impúlsanse os temas históricos no cine, nos cómics e nas novelas. A temática relixiosa, con postas en escea grandiosas e monumentais (metáforas humanistas); as películas bélicas, destinadas a ensalzá-los acontecementos recentes e da época (dada a continua tradición bélica, e polo momento, puramente propagandistas); e o Western, que explica a Historia do país dende unha perspectiva sesgada (case senmpre a loita dun ou duns poucos contra os salvaxes nativos). Neste derradeiro aspecto podemos resaltá-la cinematografía de John Ford, quen, a pesares de contribuír en gran parte á linguaxe do cinema, non dubidou en voltar outra vez á eterna dicotomía Ben/Mal, apelando a criterios étnicos ou culturais. Nos conservadores 50 e ata incluso ben entrados os 60, este derradeiro xénero, xunto co bélico, contaría con numerosas produccións de todo tipo, expandindo o mito do eterno Pathfinder (explorador), relacionado coa figura tamén saxona do colonizador británico. Tamén abondan as produccións baratas de ciencia-ficción e terror, amplamente controladas polo Goberno. Son as primeiras películas nas que as mulleres son coprotagonistas. - Xapón, que trala humillación da destrucción do seu réxime feudal (coa terrible bomba atómica) recibe a reconstrucción "americana", depositando tódolos seus esforzos na tecnoloxía. Se fraguan aquí os novos clásicos da arte heroica xaponesa:
O cine, incidindo na temática do Samurai, persoalista e solitario (en moitas ocasións, historias intimistas coa utilización do tempo dunha maneira similar ós neorrealistas); os mangas, liderados case en solitario por Osamu Tezuka, poñendo as bases de eclosión mediático-artístico de producción nacional. As historias de mechas ("mechanoids") ou superrobots heroicos, nas que a tecnoloxía desmesurada é unha arma de dobre filo: garantía de progreso e avance (reflectido no milagre económico xaponés); e garantía á súa vez de destrucción en masa (Hiroshima e a Guerra Fría), tan presente na 2ª metade do século. Tamén hai historias de robots semihumáns, nas que a hibridez da súa natureza sempre os condea: a parte humana sempre de carácter negativo, fronte á súa metade cibernética (na época, "mecánica"), boa, pura e desexosa de inocencia. Obviando as partes máis imaxinativas, hai unha crítica antropolóxica nas mellores creacións de este tipo.
Incluso as ideas que se esbozarían posteriormente nos activismos mundiais (convivencia coa Natureza, a necesidade dun rol feminino para a existencia do Heroe masculino, a derivación de réximes utópicos en autoritarios) xa se bosquexaban nesta época na ciencia ficción estadounidense e nas obras xaponesas.
Isto é todo de momento. Cando complete a 2ª parte, poñerei enseguida un link
Comentado por [entebras]
at 12:07 MEST
Updated: 31/08/2009 12:16 MEST